Ser ti

En contra do poder da manada, grupo ou contubernio, intenta ser ti. Quizá te equivoques moitas veces, pero en cada equívoco encontrarás un modo de aprender a lección. Resucita cada vez que disparen no centro do teu corazón. Non cambies de criterio, se non te convencen; se te convencen, non dubides en facelo. Emprega sempre a forza da palabra, non a infamia do insulto e da imprecación. Argumenta cada unha das túas reflexións. Non te derrotes cando penses que o mundo vai na túa contra. Levántate cando caias (e caerás mil veces). Limpa as feridas con auga, non con vinagre de rancor. Mira aos ollos. Non te agaches cando digas o que queres dicir. Que non te asusten, que non te calen. Defende sobre todas as cousas o dereito que teñen os outros a opinar, contrariar, criticarte: porque iso, e non outra cousa, é a tolerancia. Escoita incluso aos que previamente consideras errados. Escapa do odio. Non contestes ás infamias; afirman os socráticos que o mestre dicía: «Se un asno che dá un couce, non llo devolvas». Procura a poesía debaixo das pedras e paredes, dos bicos que non queren bicarte. Coñece o valor dos que saben renunciar: a renuncia, dixéronme unha vez, é tamén un acto de amor. Non tires os minutos. Non biques a bota que te pisa. Aprecia as consideracións, por negativas que sexan, dos teus amigos: ningún deles quere facerche dano. Se non sabes distinguir aos verdadeiros, recorda: os amigos aparecen sempre cando os necesitas. Discrepa, discute, e pensa que o adversario pode ter tanta razón coma ti. Non despreces aos que xulgas os teus inimigos, non é elegante. Aprende a ilusionarte cando a ilusión falte. Procura a liberdade e independencia, pero debes saber que o prezo a pagar é alto (a soidade manca). Finalmente, non deixes de regresar á primeira liña desta columna de martes: intenta ser ti. Quizá ese é o único segredo deste pasatempo, a vida.

Xosé Carlos Caneiro