Por ti

Mañá, case sen querer, chega decembro coas súas luces no calendario. Decembro de frío e Nadal, de árbores e nenos que aínda cren nos reis. É difícil crer nos reis neste país, que sempre foi tranquilo a pesar das seitas e os sectarios. Agora teñen a súa cousa de Internet para liberarse das demencias internas (Freud falaba delas, pero ler os seus textos require esforzo e disciplina: non son fáciles). Teñen o albedrío ao alcance das teclas e dende o albedrío libre poden expresar a doutrina da intolerancia. Non soportan ningún tipo de discrepancia co seu código, mesmo xenético: galegos auténticos (din eles). Hitler e Pol Pot pensan o mesmo. A maioría son covardes: porque nin se atreven a asinar con nome e apelidos. E consideran o seu concurso necesario para que a sociedade non sexa envelenada polos individuos que cremos, por riba de todo, na liberdade.
Liberdade para que poidan dicir o que din, incluso. Liberdade para que sigan lacrando este país coa súa sevicia, insulto por insulto. Galicia hai que conxugala con esforzo e traballo, con ilusión constante. Galicia hai que levantala de todo tipo de imposición, de todo tipo de pensamento único. Galicia hai que construíla a diario, e non plantar sobre ela as poutas da inxuria e a ferida. Comprometerse con Galicia é non resignarse ao silencio por pensar distinto do que pensan algúns: galegos auténticos (din eles). Galicia somos todos os que amamos Galicia. E para amala non é preciso ningún tipo de xenoma diferenciador. Amar a Galicia é amar a súa democracia, é dicir, a opinión das maiorías. Vilipendiar, calumniar, ofender, desprezar a quen goberna, é negar soberanía e intelixencia ao pobo que dicimos amar. Neste decembro que comeza mañá levantarei, en cada brinde, a copa pola tolerancia. Pola liberdade. Polo esforzo, a colaboración, o equipo, o traballo. Por Galicia e por cada galego. Por ti, en suma.
Xosé Carlos Caneiro. DE BAR EN BAR
La Voz de Galicia