¿Infancia?

Alertan sobre o cambio climático mentres as focas e osos e koalas gozan, aparentemente, de boa saúde nos documentais da televisión. Vixían con constancia e encono as especies en vías de extinción e penduran de torres e aerostáticos a consigna necesaria: coidemos o medio ambiente, os animais, as aves e mares e lagos prístinos de augas transparentes. A pesar destas celebradas manifestacións de xúbilo humano, non somos capaces de observar o deterioro constante da especie que nos é máis propia: a nosa. Penso nesta certeza mentres un gorila coida con mimo da súa cría. Os gorilas nenos seguen sendo nenos, e adolescentes, e mozos. Os humanos, non. É o resultado de varios estudos que me encrespan neste martes que roza a fin de xuño. Resulta que a infancia corre serio risco de desaparición. Aos once anos os nenos xa son maduros, aseveran. En breve rebaixarán a idade aos dez, e logo aos nove, e aos oito, ata ver esgotadas todas as posibilidades de subsistencia da nenez. É preciso alertar aos ecoloxistas que con pertinacia nos redimen. Que colguen do Empire State a frase que nos levante: «Salvemos a infancia». Porque se non salvamos a infancia resultará que a patria máis íntima desaparecerá. Alguén debe convocar unha manifestación urxente. Quizá os mesmos que son incapaces de consensuar unha Lei de Educación perdurable que nos conduza por camiños prósperos. Quizá aqueles que consenten que en horario infantil (aínda que a infancia estea deixando de existir) aparezan os doutores de Sálvame consagrando a estupidez como categoría ontolóxica. Desaparece a infancia, é dicir, que nos quedamos sen inocencia, ou pureza, esa palabra deostada polas modas imperantes que todo o contaminan. Quizá a próxima vez que queiramos escribir a palabra infancia debamos escribila entre interrogantes. Os nenos do século XXI nacen con certificado de suicidio baixo o brazo.
Xosé Carlos Caneiro