Sen autoridade, chega a coacción

A autoridade é a capacidade de influencia dunha persoa sobre outros, asentada na súa palabra e coherencia. A coacción é o exercicio da violencia verbal ou física. E o capricho é o sentir os desexos como necesidades. Cando se instala a coacción nas relacións dun fillo cos pais, o que busca é que os seus caprichos se cumpran por calquera medio, incluída a violencia. Os valores que deben marcar a nosa conduta van embebéndonos dende cativos. No noso ambiente familiar os límites son primeiro externos e logo vanse interiorizando. Pero isto non xorde espontaneamente na maduración: o infrinxir un límite leva unha consecuencia negativa para o neno. E se este medra é aprendendo a xestionar ese malestar pasaxeiro, asumindo eses límites e a quen llos pon, que pedir non é igual a obter.
Pero é posible actuar doutro xeito. Dicir sempre que si ou poñendo límites que despois non se cumpren. Así os pais para só "resolver" un problema no curto prazo estragan a súa autoridade cunhas consecuencias que afectarán á relación intrafamiliar e tamén á evolución psíquica do neno. Estes medran construíndo uns esquemas do que son e do que buscan, e iso implica loitar co malestar no curto prazo e ubicarse no longo para acadar obxectivos. Tamén implica recoñecer e respectar ao outro.
Todos comprendemos as perrenchas dos meniños polos caprichos. Pero as perrenchas dun adolescente poden adoptar a forma de agresións. Como prevención, os proxenitores debemos decidir que límites queremos establecer para que os nosos fillos medren sans psicoloxicamente, que aturen as frustracións cotiás e que se vaian definindo, sendo unha parte activa nese proceso. E facelo aínda que nos custe.
Manuel Castro
Colexio de Psicólogos de Galicia