Afortunados

Os que saben que cando unha porta bate no noso nariz, pechándose, hai outra que agarda para ser aberta. Os que miran o ceo e sempre ven estrelas. Os que non buscan os tres pés do gato. Os que teñen a quen coidar, os que son coidados. Os que respiran herba e lavanda en lugar de fume e asfalto. Os que respiran fume e asfalto porque non queren respirar herba e lavanda. Os que aman, os amados. Os que soñan a diario un mundo mellor e non o proclaman, como algúns políticos, mitin por mitin. Os inocentes, inxenuos, sinxelos, transparentes, limpos. Os disciplinados e entregados a un labor: porque o tempo pon no seu lugar a todo o mundo. Os que resisten: porque o mestre Cela dicía que ao final acaban gañando. Os que repudian aos sátrapas e intolerantes e sectarios e antidemócratas. Os que non teñen cartas ocultas debaixo da manga da camisa. Os que recitan versos que se poidan entender: porque houbo un tempo, especialmente neste país, en que a poesía resultaba hermética e inintelixible. Os que nunca se derrotan e saben que a felicidade tamén é iso: ir de derrota en derrota e ser capaz de levantarse: o éxito é perder mil veces e non desesperarse. Os inmunes á tristeza e á desolación. Os que cren na amizade máis que na cor das bandeiras (que non deixan de ser trapos). Os que amosan sorrisos, a pesar de que a procesión vai por dentro. Os que non saben odiar e esqueceron a palabra rancor. Os que perseguen un soño... aínda que saiban que nunca poderán encontralo. Os que saben abrazar. Os que miran aos ollos cando falan. Os que cren que as mellores armas son as palabras. Os que non se deixan enganar polo aparente. Os que non contemplan o pasado, nin o futuro, porque saben que o importante reside no presente. Os que len cada martes esta columna e deixan voar, en cada liña, bolboretas. Os ilusionados e románticos e inxenuos. Afortunados. Afortunados. Afortunados.
Xosé Carlos Caneiro
La Voz de Galicia. DE BAR EN BAR.