Pérez

Hai xente que en lugar de pel ten púas, pinchos con esparadrapo. Individuos que non podes acariciar porque rascan. Coñezo esa clase de xente sombría que non cre no rato Pérez. Os seus soños son soños cumpridos. Abrigan no corazón tanto dogma que calquera palabra de afecto, se non pasa polo dogma, non será ben recibida. Por exemplo, ultrafeministas que non podes abrazar por ser varón. Comunistas que odian a calquera tipo de dereitas. Conservadores que escoitan a palabra socialista e cospen sobre ela. Pero eu sei que hai xente boa en todas partes. Miren, sendo el militante de esquerdas, deixou de falar cun amigo de toda a vida que votaba Pepé. Despois, cando deixou de militar no partido de esquerdas, chamáronlle traidor. Encontráronse os amigos que non se falaban unha noite calquera. Había tempo que non cruzaban a mirada. Un dixo que. O outro contestou que pasa. Nada. Despois, sen sabelo, apuntou unha lágrima miúda no rostro do máis sentimental. O outro pediu unha copa e contoulle o último chiste, como se non existisen tantos anos de silencio. Os amigos distínguense por iso. Non importa o tempo que leven sen falarse, cruzarse, mirarse. Os amigos sempre están aí. Contas con eles aínda que eles parezan non contar. Cando tes un problema tes que acudir ao amigo. Que talvez non pense coma ti, non milite no teu partido, non aplauda os dogmas que ti aplaudes. Os dogmas non son eternos e os amigos si. Por tal motivo eu renego dos dogmas, e de todas as bandeiras... agás a bandeira do corazón. Ou da fraternidade. Creo na bondade de moita xente, aínda que sei que hai xente que non é boa: ten púas, pinchos con esparadrapo. Creo aínda os contos de fadas. E cando o rato Pérez deixa un regalo na mesiña de noite dos nenos, debemos revolver a casa para encontrar a Pérez. Algún día aparecerá. Ou non. Os soños máis fermosos, podo asegurar, son os que nunca se cumpren.

Xosé Carlos Caneiro
La Voz de Galicia. DE BAR EN BAR